Monday 13 de May de 2024

A Xunta promove a aprendizaxe e un modelo de vida activa entre as persoas maiores a través da Universidade Sénior


Valora de maneira positiva que cada vez sexan máis os maiores que se interesan por programas formativos

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou hoxe a importancia de que as persoas maiores teñan a oportunidade de formarse e de seguir aprendendo dunha maneira activa e participativa a través da formación universitaria sénior. Díxoo no acto de entrega de diplomas do curso 2022/2023 da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) na Coruña no que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Así mesmo, o director xeral valorou de maneira positiva o feito de que cada vez sexan máis as persoas maiores que se interesan por este tipo de programas. Neste sentido, garantiu que o Goberno galego seguirá colaborando coa UNED na posta en marcha dunha oferta de estudos destinada aos maiores que remataron a súa vida laboral e que teñen interese por ampliar os seus coñecementos cunha formación adaptada ás súas inquedanzas culturais.

Antón Acevedo lembrou que a Xunta mantén tamén convenios de colaboración co resto de universidades galegas para que as persoas de máis idade que o desexen poidan retomar ou seguir os seus estudos. Este tipo de iniciativas tamén contribúen a que estas persoas manteñan unha vida activa e axúdalles a fortalecer as súas relacións sociais, evitándoo situacións de soidade non desexada.